Sede

A sede do Grupo Hércules Global localízase nun conxunto edificatorio situado no espazo urbano da cidade da Coruña, no lugar do antigo cine Goya. Trátase dun edificio polivalente, formado por dous volumes sobre unha base común, un situado fronte ao Paseo marítimo e un segundo, de menores dimensións, altura e volume, fronte á rúa Cordelería. Estes elementos defínense, loxicamente, atendendo e respectando, na medida do posible, as condicións de composición das fachadas que conforman o bloque de edificios do arredor. Desta maneira, o conxunto arquitectónico, no seu envolvente exterior, ten loxicamente unha definición pormenorizada e diferenciada.

O edificio estrutúrase interiormente a través dun grande espazo totalmente acristalado, diáfano e esvelto, que concentra toda a luz exterior natural, que penetra ata o interior imbricando todos os espazos do edificio. Ademais de albergar a sede do Grupo, o edificio acolle a actividade de Hércules de Ediciones, na fachada orientada ao Paseo marítimo; e a da Fundación Rodríguez Iglesias, na que dá á rúa Cordelería.

A planta baixa, que se destina a exposicións e actividades polivalentes da Fundación, concíbese como un grande espazo aberto, referencial, un espazo de comunicación vertical-horizontal e que define perfectamente a comunicación interespacial do espazo urbano que circunda o edificio de referencia; é dicir, o Paseo marítimo. O primeiro dos sotos, nos que se sitúa un Auditorio,”Sala Goya”, con capacidade para 200 persoas, tamén se destina a exposicións e actividades da Fundación e o Grupo.

Os espazos interiores do resto do edificio desenvólvense en plantas diáfanas, buscando que os elementos estruturais se sitúen perimetralmente para non condicionar o desenvolvemento posterior de usos polivalentes. Os ascensores e escaleiras permiten, en todo momento, o desenvolvemento, a visualización e a interrelación visual e física dos espazos. Do mesmo xeito plasmáronse cada un dos detalles de varandas, espazos a dobre altura e demais proteccións para poder gozar e desenvolver as circulacións interiores, apreciando desde algúns puntos todos os espazos interiores de arriba abaixo ou de abaixo arriba. Nestas plantas desenvólvense as distintas actividades do Grupo Hércules Global e de Hércules de Ediciones. A planta terceira consta, ademais, dunha magnífica Biblioteca.

Carriño da compra
Scroll ao inicio