Viernes, 06 de abril de 2018
Mario Outeiro | Publicado en Galicia Dixital
É obrigado comezar a miña intervención neste acto agradecéndolle a Ánxela Gracián, autora do libro e amiga, e a Laura Iglesias, editora de Hércules, a miña escolla para a presentación da biografía que temos entre mans, así como que organizasen este acto na cidade amurallada que tan ben acolleu a Ánxela e a María Victoria en etapas transcendentais nas súas respectivas vidas. Lugo será polo tanto o primeiro dos variados vínculos entre Ánxela Gracián e María Victoria Moreno, as dúas protagonistas desta noite, neste caso a través de D. Xesús Alonso Montero, profesor e xefe do seminario de lingua e literatura no Instituto Masculino, hoxe IES Lucus Augusti, e polo tanto compañeiro e inspirador de Moreno, na súa primeira etapa como docente, e profesor, e tamén inspirador, de Ánxela.
Pese a estar unido a Ánxela por un vínculo fluvial, ese Chamoso que bautizou a un dos once condados nos que se dividiu o convento xurídico lucense no período suevo, o Comitatus Flammosus, o destino fixo que non nos coñeceramos ata hai pouco menos dun ano. Foi a través dun dos seus libros: “Paisaxes de pan” (Edicións Bourel, Ribeira, 2013), precisamente cando eu estaba levando a cabo un proxecto interdisciplinar coas miñas alumnas e alumnos cervantegos arredor do pan nos Ancares. Un título, máis que suxestivo, para un libro que tardaría en ler por estar esgotado nas librarías, xa que o magnífico traballo de elaboración artesanal de Bourel tivo unha edición limitada.
A través das redes sociais puxémonos en contacto e facilitoume a oportunidade de saborear ese “pan de centeo acabado de cocer” do que será, en breve, unha segunda edición, corrixida e aumentada. A lectura dese íntimo poemario, homenaxe ao vilar de nove casas de granito chamado Gracián e pertencente á parroquia de San Paio de Arcos de Castroverde, a matria de Ánxela, foi capaz de transportarme ás vivencias máis primarias da miña infancia no meu vilar de nove casas chamado Guimarás do Corgo, grazas ao delicioso recendo a pan fresco que sae do libro.
Ánxela Gracián é experta en varias linguas e traballa para a Xunta como tradutora do Diario Oficial de Galiza pero é coñecida pola súa faceta de tradutora de textos literarios, así como escritora e crítica literaria. A súa dedicación á literatura infantil e xuvenil, o segundo gran vínculo con María Victoria Moreno, encetada no 1998 co libro “Cos petos cheos de cinza” (Everest), non lle privou de publicar un libro de poemas tan íntimo como o de “Paisaxes de pan”, no que compilou traballos escritos dende o 2008 e inspirados pola obra plástica do fotógrafo chairego e profesor no CPI de Castroverde, Daniel Díaz Trigo.
Mais a miña presenza aquí, a maiores da breve pero intensa amizade que me une a Ánxela, só pode xustificarse pola miña admiración cara estas dúas protagonistas, Ánxela e Victoria, xa que nin son filólogo nin estudoso das súas obras. Se o contacto coa primeira foi tardío o contacto coa segunda como lector, xa que non tiven o enorme pracer de coñecela persoalmente, tamén o foi. Aínda que sexa de pouco interese para todos vós non me podo resistir a comentarvos unha anécdota persoal que me liga á homenaxeada polas letras galegas deste ano.
Como non tiven a fortuna de ler a María Victoria de mozo, fíxeno de maior coa súa obra máis coñecida: Anagnórise. Foi en xullo de 2002 nos días previos ao meu último exame da oposición (a coñecida como “encerrona”) para profesor de ensino secundario. Eu levaba días indo a un colexio para preparar o exame oral nunhas condicións semellantes ás que tería na realidade, é dicir, nunha aula con encerado. Eu mesmo sorteaba os temas, preparábaos durante dúas horas e facía unha exposición durante unha hora. Foi durante a preparación dun dos temas máis lamacentos do temario da especialidade de Tecnoloxía, os metais, que os meus ollos deron co libro de Victoria nun andel da aula. O cansazo venceume, deixei o tema e lin Anagnórise dun tirón. Aquela tarde tomeina de descanso, ben o merecía!
A miña sorpresa veu cando no sorteo do exame saíu o tema dos metais, que aquel día non puidera preparar. Con moito esforzo funo defendendo e saquei a vixésima primeira nota nunha oposición na que había 20 prazas! O que podería parecer unha patada do destino para min rematou sendo toda unha fortuna. Aquel ano traballaría de substituto en Lugo e o verán seguinte remataría aprobando cunha nota que me permitiría escoller de primeiro, entre os aprobados, o meu primeiro destino definitivo: Cervantes. Así que lle debo a María Victoria aprobar un ano despois pero tamén ter a honra de pasar a mellor etapa da miña vida na montaña lucense.
Pero volvendo ao tema, despois desta inoportuna reviravolta, a homenaxeada do 2018, cacereña de nacemento, tamén tivo pronto destino definitivo como profesora en Pontevedra na década dos 60. A integración na vida social e cultural galega foi plena e o compromiso coa nosa lingua foi un contrato que nunca racharía ata a súa morte prematura. Victoria será a cuarta muller en recibir a homenaxe nas 55 edicións do Día das Letras Galegas. Ráchase así o inxusto esquecemento dunha figura humilde e sinxela que se cadra por ser muller e pola súa dedicación á literatura infantoxuvenil fose relegada a un segundo plano nesta sociedade misóxina. Victoria sería, xunto con Neira Vilas, a nai da LIX galega, aínda que na súa vida como escritora fose especialmente habelenciosa noutros xéneros como a poesía, a novela curta ou diario.
Muller cunha amplísima cultura e sempre sensíbel cos máis desfavorecidos, como podemos observar nesta biografía literaria de Ánxela, foi especialmente querida polo alumnado e as súas familias. O seu compromiso coa súa nova patria faríaa sospeitosa para un franquismo que violaría a intimidade da súa casa e lle retiraría o pasaporte, como pasou con moitos máis docentes da época (décadas despois, pouco cambiaron as cousas!). Non podo máis que agradecer á plataforma “A Sega” por destapar no 2015 a Victoria do esquecemento, nun fito que sería transcendental para a súa posterior elección pola RAG. Temos pois, nove meses por diante para gozar dunha muller comprometida e intelixente, como a Xulia de Anagnórise, agardando tamén a que esta dea a testemuña ao eterno aspirante, e lucense de adopción: Carvalho Calero.
Pero o que aquí nos xunta é este fermoso libro titulado “Doce cartas a María Victoria Moreno”. Libro lizgairo, para todos os públicos e exemplar de indiscutíbel valía para traballar a autora homenaxeada no 2018 tanto na educación primaria como na secundaria. Fermoso grazas ás coidadas ilustracións de Antonio Seijas pero fermoso tamén polo cariño e delicadeza coa que Ánxela, a través dun amigo común con Victoria chamado Garimoso, relata a vida da homenaxeada.
Como profesor de ensino secundario dou fe do enorme aproveitamento interdisciplinar deste libronos centros educativos galegos xa que non deixa de ser unha amena guía didáctica útil non só para as aulas de literatura galega e castelá, se non tamén para as clases de lingua galega ou a materia de ciencias sociais. Pero a través da súa lectura os mozos e mozas poderán tamén traballar temas transversais de vital importancia como a igualdade de xénero, a educación para a paz ou a educación cívica, ben sexa a través das agarimosas verbas lobeirasou grazas ás interesantísimas anotacións ao rodapé feitas pola autora.
Con este libro de lectura áxil e entretida ademais de achegármonos á biografía dunha autora solidaria, comprometida e intelixente, introducímonos de cheo en toda a súa obra ata o punto de chegar a coñecela sen lela con antelación. Conta con varios extractos tanto das obras de Moreno como de outras relacionadas con ela, que serven de apetecíbel anzol para ler posteriormente a súa creación.
Como avanzamos antes, o libro non está escrito en primeira persoa pola autora, senón que será narrado por un dos personaxes de María Victoria Moreno, o lobo bondadoso e protector do conto Mar Adiante, publicado en 1973. Falar de Garimoso é citar a Moreno como unha escritora innovadora dentro da literatura infantil e xuvenil á hora de mudar os roles dos personaxes da literatura tradicional, algo que se faría habitual no resto da literatura universal dúas décadas despois. Velaquí outra das coincidencias entre Ánxela e María Victoria, a creatividade inesgotábel e a paixón inmensa polas crianzas, sen dúbida coa esperanza posta de que o futuro, o noso futuro, estará nas súas mans.
Pero volvendo ao libro, e a modo de mariola, a lectora, ou lector, poderá escoller facer o camiño tal cal está impreso, é dicir, ordenado segundo a importancia do vivido, ou saltando de páxina en páxina, seguindo as indicacións da autora, co fin de coñecer os feitos da vida de Moreno tal e como se foron sucedendo dun xeito cronolóxico, sen saltos temporais. Ánxela fai aquí outra chiscadela á homenaxeada ao lembrarnos a que foi unha das súas creacións favoritas, a novela “Leonardo e os fontaneiros” que recibiu no 1985 o 3º premio O Barco de Vapor e que posteriormente sería traducida ao castelán pola súa filla Begoña Llácer.
O núcleo do libro consta, tal e como o título avanza, de doce cartas no que o lobo Garimoso narra con admiración e precisión o nacemento e a infancia en Badaxoz e Segovia, a morte do pai, a etapa como estudante nun internado en Barcelona, a Complutense, a familia creada con José Luis Llácer, a chegada a Galiza e o contacto co galego, a docencia e a literatura como as dúas caras da mesma moeda, a viuvez, a enfermidade, o segundo amor: Pedro Ferriol e a desembocadura unha mañá de novembro no 2005 no mar da eternidade, reservado exclusivamente para os bos e xenerosos coma ela. E Garimoso escribe as cartas biográficas en agradecemento á autora que descubriu no seu corazón a súa verdadeira identidade, é dicir, un animal bondadoso e amábel que a través da entrañábel Mariquiña é capaz de engaiolar a toda a aldea.
A modo de epílogo, Garimoso vai retratar unha por unha as personaxes principais dos libros de María Victoria Moreno tal como citaba Castelao aos ilustres galegos no discurso do Día da Patria Galega de 1948 no Centro Galego de Bos Aires, coñecido como Alba de Groria. Personaxes que saen ao encontro coa súa creadora para recibir a última lección, a de aprender a pechar os ollos e mirar co corazón.
Visto pois o extraordinario resultado, non queda outra que felicitar a Ánxela polo seu enorme traballo de investigación, a través da súa obra, dos estudos e referencias biográficas feitas por filólogos de prestixio, das múltiples declaracións da autora en distintos medios de comunicación pero tamén grazas a longuísimas entrevistas a persoas que partillaron con MariaVictoria Moreno distintas etapas da súa vida. Aínda que o aproveitamento didáctico de Moreno é doado, como foi o de Manuel María, non o é tanto crear un texto tan atractivo a todos os públicos para desfrutar dos seus trazos vitais dun xeito tan entretido e próximo. Parabéns a Ánxela e bo proveito a todas as lectoras e lectores!
(Palabras de Mario Outeiro, na presentación do libro de Ánxela Gracián \”Doce cartas a María Victoria Moreno\”, no Vello Cárcere de Lugo, o 4 de abril de 2018).