A historia de Manuel Fernández Padín, arrepentido e testemuña protexida da “Operación Nécora” do Xuíz Baltasar Garzón, contada en primeira persoa.
“Chámome Manuel Fernández Padín e nacín o 24 de xullo de 1959 en Vilanova de Arousa (Pontevedra). A miña xeración tiña ganas de comerse o mundo, pero nin un euro no peto. A noite que tomei tres tripis e varios cubalibres de batido de chocolate con coñac cavei a miña tumba, a miña destrución como persoa, e as consecuencias téñoas que pagar xa de por vida. Ao igual que aos meus amigos os rematou matando a heroína, a sobredose ou a SIDA, a min esnaquizoume psiquicamente o LSD.
Durante unha época traballei vendendo marisco para Melchor (fillo de Manuel Charlín Gama). Anos máis tarde mo encontrei de novo, dedicado a negocios máis rendibles, e decidín que me introduciría custara o que custara na súa Organización. De todos os xeitos, o que sei seguro é que se as miñas amizades non tivesen sido consumidoras de drogas, eu non tería vendido nin un gramo de droga”.
Así resume o autor a súa incursión no mundo do narcotráfico, cuxos alicerces removería con apenas trinta anos. Vasalo do clan dos Charlines, é detido xusto despois de facer unha entrega de cocaína. Premido e enfermo, decide declarar contra eles. Xuíces, fiscais e altos cargos do Ministerio do Interior póñense aos seus pés e comeza a fraguarse a “Operación Nécora”, azoute de traficantes. A cambio da súa declaración no xuízo, garántenlle protección, unha nova identidade e unha pensión de por vida. O Estado fíxose cargo del ata que, subitamente, en 2009 lle retira as escoltas, a pensión, a vivenda…, sen proporcionarlle a prometida nova identidade. Desconcertado e cun futuro que pinta negro, decide contar a súa historia en primeira persoa. Faino para que se saiba a verdade, pero tamén para que sirva de axuda a outros moitos que, como el antes, cren que se pode xogar con lume sen queimarse.
Descargar ficha técnica:
Reseñas
Aínda non hai valoracións.