Atracción polo diabólico, hastío vital, pensamentos suicidas, inclinación estética polo asasinato… os dandis decimonónicos eran personalidades ambiguas e decadentes, que buscaban eludir as súas inquietudes vitais nos límites da moralidade. A súa estética inconfundible, infestada de gravatas chillonas, caraveis verdes, panos anudados con ínfulas escultóricas, xoias rechamantes, chalecos coloridos e perfumes sedutores, definían unha nova masculinidade na que non existía ningún medo para mostrar o seu “lado feminino” e mesmo, claramente, as súas inclinacións homosexuais.
O satanismo de Baudelaire, a semiótica da elegancia de Balzac, a atracción por Brummell de d’Aurevilly, a análise do dandismo de Carlyle, a fascinación pola criminalidade de de Quincey ou os códigos indumentarios de Oscar Wilde, son asuntos que cativaron a Emilia Pardo Bazán, unha muller curiosa, ávida de experiencias e interesada polo lado escuro da condición humana.
Neste ensaio, Branca Rodríguez Garabatos explora, a través dos contos e novelas da autora galega, a súa atracción por estes temas, moi controvertidos xa no seu momento, pero que formaban parte da nacente modernidade do mundo contemporáneo.
O dandismo serviu á condesa de Pardo Bazán para profundar en aspectos inéditos da condición masculina, ofrecendo un catálogo de personaxes insumisos e outsiders que non disimulan a súa inclinación polo vicio e o sinistro. Gaspar de Montenegro ou Silvio Lago son homes que buscan emocións fortes e a quen parece que non lles importan as consecuencias da súa insubordinación. Con ou sen causa, falamos de rebeldes que exercían como tales de maneira consciente e que, na procura do seu propio pracer e satisfacción, desafiaban as normas dunha sociedade que só era capaz de ofrecerlles un progreso decepcionante.
Autora: Blanca Paula Rodríguez Garabatos
Investigadora e docente en Historia e Historia da arte.
Licenciada en Dereito e en Historia, na especialidade de Historia Contemporánea e Estudos Americanos, pola Universidade de Santiago de Compostela, é doutora en Estudos Literarios pola Universidade da Coruña cunha tese titulada Moda da Belle Époque e indumentaria na obra de Emilia Pardo Bazán.
É autora do libro Emilia Pardo Bazán y la moda, publicado por Hércules de Ediciones.
Impartiu conferencias sobre moda en diferentes seminarios da Universidade da Coruña (UDC), na Fashion and Design Conference, organizada pola Escuela de Diseño Textil y Moda de Galicia (ESDEMGA) e foi directora do curso “Vistiendo la época. La moda, el octavo arte” organizada polo Centro Galego de Arte Contemporánea CGAC).
É colaboradora habitual das revistas de cinema Versión Orixinal e Icónica e autora de diversos artigos sobre as relacións entre Moda, Literatura e Arte nas revistas Tropelías, Boletín Galego de literatura, DeSignis e A Tribuna.
Descargar ficha: "Visiones del dandismo"
Reseñas
Aínda non hai valoracións.