Unha historia para nenos e maiores; para ler sós —aínda que moito mellor acompañados— e onde diversión e emocións van da man. Animámoste a mergullarte no mundo de Martiño, o protagonista, que se ten que enfrontar a unha situación moi difícil na súa curta vida. Para afrontala, contará coa axuda das persoas máis próximas a el e que comparten as súas vivencias, pero tamén de compañeiros, amigos, profes…
Ademais, complementamos e enriquecemos a lectura cunha serie de xogos e de actividades, que inclúen o coidado emocional.
Autora do texto: Rosario Baleirón Sóñora
Véxome de nena inventando e repetindo historias, que levaba o vento e que cambiaba cada vez que as contaba, para as miñas irmás. Agora, sendo xa moi consciente do poder da palabra escrita e das emocións que rodean a perda dun ser querido, publico este meu primeiro libro como agasallo para os meus sobriños Raúl e Martín.
Autora das ilustracións: Estefanía Padullés
Nacín nun pequeno pobo dos Pireneos. Licencieime en Bioloxía pola Universidade de Barcelona. Tras viaxar por distintos países para completar os meus estudos con animais, trasladeime a Almería para traballar nun Centro de Recuperación de Fauna Mariña. Posteriormente fun Responsable do departamento de Educación e axudante do departamento de Conservación nun Zoolóxico onde rea- lizaba o deseño e a ilustración de campañas para a protección de especies ameazadas así como o material educativo (libros ilustrados, carteis, pósters). Á parte do meu traballo como bióloga, nunca deixei de pintar ou debuxar. Cando tiven a ocasión expuxen cadros e participei nalgún libro de relatos curtos. Nos últimos anos, desde que vivo en Galicia, realicei varios contos ilustrados, O desexo do gato Klops, A canción do sol, Max e Lea, A manchas ou a raias?, Leopoldo, o pequeno monstro e Que mal día, gato Klops! son os publicados por Hércules de Ediciones.
Descargar ficha: Ficha "Mamá vive en min"