Un meniño que dorme profundamente e que nos seus soños percorre o sistema solar. Ao ritmo da música de Holst, visitará cada un dos planetas descubrindo as súas características e mais as dos deuses que lles deron nome nunha viaxe a medio camiño entre a realidade e a fantasía.
INCLÚE OS CÓDIGOS QR para acceder á música de cada planeta
Autor: José Antonio Abad Varela
Naceu na Coruña. É psicólogo, pedagogo e especialista en psicoloxía infantil. Utilizou os contos como unha valiosa ferramenta educativa. Exerceu como psicólogo no Centro Infantil Pino Montano e no Colexio Aljarafe, ambos os dous de Sevilla. Foi responsable do Departamento de Divulgación da Música no Concello da Coruña e, finalmente, na Orquestra Sinfónica de Galicia. Estes traballos proporcionáronlle a oportunidade de escribir e de publicar numerosos contos para nenos e mozos, algúns deles con música.
Sempre considerou o conto como un dos grandes soportes da arquitectura da personalidade do neno porque, a través deles, é capaz de comprender mellor a vida aprendendo e discernindo os seus valores e contravalores como a amizade, a bondade, o mal, a valentía, a traizón, a fidelidade, o egoísmo, a covardía etc. E se o conto vai acompañado de boa música, esta engade educación, gusto e cultura.
Ilustrador: Antonio Seijas
Historiador da arte, ilustrador, pintor e autor de cómic. Publicou catro novelas gráficas: Un home feliz, gañadora do II Certame Castelao (2006) e Premio do Público ao mellor guión no Salón do Cómic de Barcelona (2008), tamén foi adaptada ao formato de radioteatro pola Radio Nacional de Eslovenia; Cartas de Inverno (Premio Isaac Díaz Pardo ao mellor libro ilustrado da Asociación de Editores de Galicia 2012); LA LUZ, nomeada a Mellor Obra Nacional en Expocomic (2014), e A Chaira-La Llanura (Premio ao Mellor Cómic na Gala do Libro Galego 2020). Realiza traballos de ilustración para literatura infantil e xuvenil, revistas, xornais… para grupos como Marillion, Luar na Lubre; deseño de identidade corporativa para a Fundación David Lynch e ilustracións para series como La que se avecina. Protagonizou exposicións de pintura e ilustración: Ramsés de Philippe Stark, Madrid; Galería Sargadelos Ferrol, Sala de Exposicións de San Martiño Pinario en Compostela etc. Obra premiada no XVI Certame de Pintura Manuel Rebón, 2023. Deseñou e comisariou a exposición do XXX Aniversario de Luar na Lubre, para os que tamén realizou diversas sesións de fotos oficiais. En 2019 publicou a súa primeira novela xuvenil, O soño da serpe; en 2021 gañou o XXXVII Premio de Poesía Cidade de Ourense coa súa primeira obra neste xénero, Teorías do fin e en 2022 publicou en Hércules de Ediciones SAUDADE, libro que recolle a exposición homónima con relatos de Natacha G. Mendoza.
Descarga a ficha de “Los planetas”: Ficha "Los planetas"
Descarga a ficha de “Os planetas”: Ficha "Os planetas"