O Domingo de Ramos

Esta pasada fin de semana, todas as vilas e cidades de Galicia se encheron de follas de oliveira e pólas de loureiro que, formando un atado, uns vendían, outros mercaban e outros traían xa nun fardo da casa.

Todos acabaron cruzando as portas das igexas para ser bendicidos. Despois gardaríanse na casa ata o vindeiro ano, como protección contra as treboadas e fronte a algunhas enfermidades; non hai moito, podíanse ver pendurados de corredores, galerías e ventás para que protexeran as vivendas.

O Domingo de Ramos, último domingo da Coresma, sinala o comezo da Semana Santa. E nenos, mozos e vellos competían tradicionalmente porlo ramo máis fermoso, polo máis grande, polo mellor feito, polo máis colorido, polo máis variado…

Hoxe en día, os ramos son cada vez máis pequenos e tamén, por desgracia, máis uniformes: loureiro e oliva para os máis conservadores, ou sofisticados entretecidos de follas de palma para os máis modernos. Os tradicionales loureiro e oliveira (que medran por toda Galicia) van perdendo importancia, apartados por unha especie foránea: a palmeira, propia de climas máis benignos.

 •••

Pero voltemos ó pasado Domingo de Ramos…

Nunha parroquia da provincia de Ourense, dúas nais rivalizaban pola beleza das palmas que lles mercaran ás súas fillas: unha trenzada, espectacular; a outra rizada, con entrelazados, máis espectacular aínda. Ambalasdúas eran dunha cor amarela semellante á xema do ovo, algo máis esbrancuxado quizáis. Eran fermosas, cada unha ó seu xeito, e aquela rifa non chegaba a ningures.
Ata que pasaron pola súa beira Luís e Xosé. Estes irmáns, coñecidos na parroquia polas falcatruadas que facían, levaban toda a mañán facendo os ramos no alpendre, agochados, con tino de que ninguén os vise…
— \”Nin palma, nin palmeira, miñas xoias, facédevos á beira\”, cantaron a un tempo mentres deixaban abraiadas ás mulleres.
¡Mi madriña, daba gusto velos cruzar a porta da igrexa! ¡Eses si que eran ramos, e non aqueloutras palmas descoloridas…!

¿Non me creedes? Pois mirade, mirade as fotos, a ver que opinión vos merecen…

semana santa - O Domingo de Ramos

 

 •••

A historia ben puido ser verdade, aínda que neste caso non o é. Pero non me digades que non da gusto ver os imaxinativos ramos que noutrora enchían os templos galegos o Domingo de Ramos…

 

(Imaxes pertencentes á obra “A Semana Santa en Galicia”, Volume I, Hércules de Ediciones)

Comparte este post

Carriño da compra
Scroll ao inicio