Viernes, 15 de enero de 2020
Patricia Blanco. Publicado en La Voz de Galicia
«Lendo moito, relendo cousas pasadas e corrixindo algunhas que sairán proximamente» é como vai pasando Pepe Carballude (Rubín, A Estrada, 1956) este tempo de pandemia. Tradutor, investigador, catedrático de Latín e escritor dun bo número de obras para público infantil e xuvenil, hai xa cousa de cinco anos que está xubilado da docencia, que no ultimo cuarto de século exerceu no instituto Neira Vilas de Oleiros. Antes, entre outras paradas, foi tamén director do Alfredo Brañas de Carballo, onde viviu durante anos.
Carballude é actualidade porque Hércules Edicións publicou a finais do 2020 unha nova edición da súa obra De como o Santo dos Croques se fai peregrino, aproveitando ademais para sacar unha versión en castelán. O libro, que mereceu no 2002 un dos premios O Barco de Vapor que ten no seu haber, segue sendo actual 18 anos despois. «Estiven reléndoo para poñer a punto algunhas cousas e aínda río con el. A obra quedara así un pouco durmida, mais cando ía aos centros a falar, sempre ma mencionaban, dicían que lles gustara, que era unha mágoa que non se atopase…. Así que, aproveitando o Xacobeo, agora bianual, chega esta nova edición», contaba onte o escritor.
O mestre Mateo cobra vida para facer o Camiño, cumprindo unha vella promesa que Santiago lle lembra de vez en cando cun golpe na cabeza. Acompañado polo Anxo Trompeteiro do Pórtico da Gloria, acudirá primeiro á casa onde naceu. Unha historia fantasiosa e mesmo detectivesca na que, á contra, teñen unha sombra cabalar que quere impedir que cheguen a Compostela para o 25 de xullo. É esta parte da sinopse de De Como o Santo dos Croques se fai peregrino, ao fío da cal Carballude reflexiona que o humor, ao seu xuízo, é un dos ingredientes clave da literatura galega. Dende as cantigas de escarnio ata hoxe. «Sempre procuro escribir facendo algo de diversión», apunta. A fantasía, valora, é outro dos elementos de distinción. «Esta historia entra dentro desta tradición fantástica. Teño tamén moi presente que é unha historia que posiblemente se recomende nos centros de ensino, e aí hai que andar con moito tino, porque se os nenos se aburren lendo algo obrigatorio, igual despois acaban perdendo o gusto pola lectura».
Á hora de durmir
¿Como lle chegou a el a afección? A casa de Carballude «era de labradores, coma a de tantos». Foron circo irmáns, seguidos. «Estaban con nós dúas señoras, irmás, que non tiñan fillos. Todos os días, á hora de deitarnos, contábannos unha historia: vidas de santos, historias de desaparecidos... Repetíannos moitas veces a mesma, pero sempre a contaban de forma distinta. Toda esta fantasía espertou en min a curiosidade, creo que aí empezou todo, a miña idea de fabular e contar historias. Sempre o digo: eu non son fillo da lectura, son fillo dos contos». Pouco a pouco, iso si, foi enriquecéndose cos libros.
Licenciado en Filoloxía Clásica, conta que cando estaba en Carballo produciuse nel «un fenómeno importante».Á capital de Bergantiños chegou recén aprobada a oposición de cátedra, logo dun traballo duro que lle comía moitas horas. Polo tanto, a maiores de dar clase (de Latín), tiña a esas alturas moitas outras libres, así que decidiu enchelas. Pensou primeiro nunha tese de doutoramento, pero deu coa convocatoria do concurso O Barco de Vapor e alá que foi, ficando finalista. «Quedei enganchado á escrita», asevera. Afirma que Bergantiños se presta para a fantasía e que toda a Costa da Morte suxire. «De camiño, algúns feitos viñéronme dados, como o Cason, que pasou cando estaba aí, ubicando a algunhas das persoas que escapaban en barracóns en Carballo», rememora. Ese encallamento nutre S.O.S, igual que o Monte Neme anda detrás de O talismán dos druídas e as Misións Pedagóxicas iniciadas en Malpica, detrás de Xograres dun tempo novo.Herdeiro da tradición oral, Carballude di que procurou seguir con ese importante legado na familia. Pode presumir de ter dúas fillas que eran quen de renunciar á televisión cando, á hora de durmir, el as convidaba a escoitar da súa boca o conto das Gorgonas, ou o de Hércules… Sempre mitoloxía. «O poder da literatura é moi cativador e elas son hoxe en día boas lectoras», recoñece.