Viernes, 13 de Mayo de 2016
RAMÓN NICOLÁS | Publicado en Fugas – La Voz de Galicia
As escritoras Concha Blanco e María Canosa constrúen en «Será correcto?» un libro singular, desde unha perspectiva desenfadada, que se adentra en cuestións relativas ao comportamente en diversas situacións da vida cotiá
Teño para min que abrir o ensaio ou a divulgación en lingua galega a todo tipo de iniciativas e asuntos supón un camiño polo que cómpre seguir transitando e, se se abordan temáticas de realidades cotiás e dirixidas para maiores e pequenos, tal e como se explicita no subtítulo deste volume subscrito por Concha Blanco e María Canosa, cómpre sen dúbida agradecer os esforzos e, abofé, visibilizar o traballo na medida do posible para que accedan a el as persoas interesadas.
Este é un libro, así pois, de amplo espectro dominado por unha intención divulgativa que abraza a sinxeleza e un ton desenfadado na descrición dos seus contidos. Ao tempo, foxe á mantenta dos manuais de protocolo para grandes eventos e eríxese nunha sorte de vademécum para comportamentos, ofrecendo unha proposta de lectura áxil e directa centrada naquelas situacións máis habituais que resulta habitual experimentar, isto é, naquilo que se suscita en diversos contextos sociais que abranguen desde a puntualidade ás presentacións, desde os transportes ata o uso do teléfono, desde os agasallos ata a expresión do pésame para ofrecer, nas páxinas finais, unha sorte de exame de contidos de indiscutible operatividade para traballar transversalmente estas temáticas en ámbitos docentes.
Será correcto?, por outro lado, salienta ao meu ver tanto por outorgarlle un tratamento de carácter empático ao se poñer decote no lugar do outro como por afortalar a seguridade dun mesmo, sen esquecer certa vontade de guía para evitar conflitos, deixando sempre explícita a idea de que os tempos mudan e esas normas de comportamento ou educación van modificándose e poden alterarse en virtude do que cadaquén considere pertinente.
Será correcto? Ensaio-divulgación. Concha Blanco e María Canosa. Ilustracións de Paula Mayor. Hércules de Ediciones. 88 páxinas. 16,50 euros