Y el rey de los incensarios
Que de nave a nave vuela
Victor Hugo, Las Orientales (citado por Filipo Corsini en Viaxe a Compostela de Cosme de Médicis)
Os botafumeiros, tamén chamados incensarios, turíbulos ou pebeteiros, serven para queimar produtos aromáticos e son utilizados en ceremonias de culto en distintos credos. Na Catedral de Santiago, desde a primeira mención, documentada no século XIV, ata os nosos días sábese que houbo alo menos seis distintos.
O botafumeiro compostelán, do século XII, desde o punto de vista da física é un aparato mecánico cunhas regras que se anticipan ás leis físicas descubertas en séculos posteriores. A oscilación, a lonxitude da corda, os pasos pola vertical e a importantísima labor do equipo de operarios que o manexan, os tiraboleiros (que se encargan de facelo voar desde 1622)… Todo é sorprendentemente preciso e científico.
Grazas ás investigacións do Consello da Cultura Galega e ós esforzos de Hércules de Ediciones, viu a luz un fermoso libro titulado O Botafumeiro (estudos e evocacións), que escudriña nas orixes, función e características do incensario da Catedral compostelana.
Coordinado poloVicepresidente do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, e prologado polo Presidente da Comisión Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, Paolo Caucci von Saucken, entre os autores que participan, con pormenorizados estudios, atópanse o Dean da Catedral compostelana, José M.ª Díaz Fernández, o membro do Instituto da Lingua Galega Antón Santamarina e o físico Juan R. Sanmartín.
Como unha xoia atemporal, a esmerada impresión e encuadernación fanlle xustiza á calidade dos textos e das fotografías. Poucas veces se ten nas mans un libro coma este, con ese aire clasicista das obras ben feitas. Un libro con méritos dabondo para se converter en imprescindíbel na biblioteca dos lectores máis esixentes.